Saturday 11 de May de 2024

A Xunta de Galicia coordinará o grupo de traballo de Economía Circular e Fondos Europeos da Rede de Autoridades Ambientais


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio avanzou esta mañá este novo compromiso do Goberno galego, que compartirá con Cataluña e Valencia

A Xunta de Galicia coordinará, xunto a Cataluña e Valencia, un grupo de traballo de Economía Circular e fondos europeos, creado no marco da Rede de Autoridades Ambientais do Ministerio de Agricultura, Produción Agraria e Medio Ambiente. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, fixo este anuncio esta mañá na reunión co presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, para abordar posibles colaboracións en materia de residuos.

Este grupo de traballo que acordará as posibles vías de financiamento de proxectos ou a instrumentación da economía circular con fondos da Unión Europea e tamén revisará as propostas lexislativas sobre residuos, aumento da reciclaxe e redución de verteduras e mellora da xestión dos residuos.

Recordou que a Comisión Europea colocou a economía circular na axenda ambiental e económica, a través do Plan de acción da Unión Europea para a Economía Circular. En España, a Rede de Autoridades Ambientais é o foro de cooperación e coordinación entre as autoridades responsables en medio ambiente e as responsables de programación e de xestión dos fondos comunitarios, nos diferentes niveis administrativos.

Fronte ao modelo lineal de recoller, fabricar e tirar, a Xunta quere impulsar a economía circular; unha alternativa na que o valor dos produtos e materiais mantense durante o maior tempo posible; os residuos e o uso dos recursos redúcese ao mínimo. Ao mesmo tempo, potenciase que os recursos se conserven dentro da economía e cando o produto chega ao final da súa vida útil, co fin de volvelos a utilizar repetidamente e seguir creando valor.

Así, os produtos alongan a súa vida útil no mercado, mediante o ecodeseño, a reparación, reutilización e finalmente a correcta xestión como un subproduto útil. O uso dos residuos como materias primas secundarias permite un uso menos intensivo dos recursos naturais e evita o seu depósito en vertedoiro.

Tal e como indicou a conselleira, a economía circular ten dúas grandes vantaxes é unha ferramenta con potencial para resolver os retos ambientais e proporciona oportunidade de negocio e crecemento económico, pois ábrense posibilidades para os empresarios.

Esta liña de actuación é acorde co paquete de medidas adoptadas pola Comisión Europea sobre a Economia Circular, que inclúe un plan de acción para abordar as distintas fases do ciclo de vida dun produto, establecendo medidas para pechar o círculo.

Nese sentido, afirmou que “escoitamos e queremos ser escoitados” co obxectivo de tender pontes cara futuras colaboracións e expoñerlle aos empresarios as vantaxes e virtudes de implantar en Galicia entre todos a economía circular.

Adiantou que no eido da xestión de residuos xa se pode colaborar en medidas como a implantación de mellores técnicas en xestión de residuos ou a redución de bolsas dun só uso, con campañas de sensibilización e información.